A trixésima primeira edición do “Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra” volve converterse nun indubidable referente para a cada vez máis numerosa afección, tanto pontevedresa como foránea, que é seguidora apaixonada desta clase de música. E faino reafirmándose nas súas conviccións e principios, que se resumen no compromiso irrenunciable de ofrecer ao público o mellor cartel posible, tanto no ámbito internacional, con artistas que son considerados pola crítica e o público como os máis destacados a nivel mundial cos seus respectivos estilos e propostas, como tamén, por suposto, apostando por promover o talento novo e con futuro que destaca pola súa evidente calidade na puxante escena galega.