RICHARD BONA & ALFREDO RODRÍGUEZ TRÍO
RICHARD BONA & ALFREDO RODRÍGUEZ TRÍO

RICHARD BONA & ALFREDO RODRÍGUEZ TRÍO

22.30 h / Entrada gratuíta

Richard Bona naceu o 28 de outubro de 1967 en Minta, unha pequena localidade do Camerún oriental. Comezou tocando o balafón (instrumento tradicional africano) con tan só catro anos, estimulado pola súa nai e o seu avó, quen foi o luthier que confeccionou o instrumento.

Con só cinco anos, Bona xa actuaba na súa igrexa, onde rapidamente se converteu nunha pequena lenda local, un neno prodixio cuxos espectáculos en vodas, bautizos e pequenas festas todos querían contemplar.

Con once anos trasladouse co seu pai a Douala e alí deuse conta de que para atraer máis público necesitaría aprender un novo instrumento, máis moderno. Usando frautas e guitarras que el mesmo fabricara con latas de aceite e arames de bicicleta, finalmente atopou traballo como guitarrista nunha banda.

En 1980, o dono dun club de jazz local pediu a Richard Bona que formase unha banda para actuar no seu establecemento, dándolle acceso á súa colección de vinilos. Cando Bona escoitou por primeira vez o disco de debut de Jaco Pastorius, impresionado, decidiu cambiar de instrumento principal, adoptando desde entón como o seu instrumento máis habitual o baixo eléctrico.

En 1989, con tan só vinte e dous anos, trasladouse a París. Alí, a súa fama como virtuoso non facía máis que crecer en cada unha das súas aparicións nos clubs de jazz locais, xunto a músicos como Didier Lockwood, Marc Ducret, Manu Dibango ou Salif Keïta, sen descoidar o seu afán por profundar no estudo da obra de grandes músicos de jazz como Miles Davis, Chet Baker ou Ben Webster.

Nesa época, matriculouse nunha escola de música para perfeccionar as súas habilidades como compositor e creou unha banda propia chamada Point Cardinale. Foi entón cando o lendario teclista Joe Zawinul, na súa constante procura de novos talentos, advertiu a presenza do mozo baixista nos clubs parisienses e fichouno para a gravación do seu álbum My People (1996).

Foi nese momento cando, animado polo guitarrista Mike Stern, decidiu establecerse en Nova York, en cuxa jam scene causaría un inmediato e notable impacto; de súpeto, atopouse traballando cos maiores nomes da escena do jazz mundial: Randy Brecker, Chick Corea, Bobby McFerrin ou Branford Marsalis entre outros moitos.

En 1998 gravou o primeiro dos seus álbums en solitario, Scenes From My Life, e un ano máis tarde embarcaríase como corista e percusionista nunha xira mundial con Pat Metheny Group, xunto a Steve Rodby, o baixista da banda. No 2004 Bona formou o seu propio sexteto fixo co que percorreu os principais festivais de jazz do mundo.

Richard Bona foi galardoado cun premio Grammy, ademais de ser candidato en varias ocasións, e é un dos baixistas, compositores e multiinstrumentistas internacionais máis destacados. Co seu son e don vocal únicos, representa continuamente as súas orixes africanas. A súa música aborda as tradicións, a cultura, a beleza e os problemas do continente. O seu propósito e a forma en que se conecta coa súa audiencia convertérono nun nome básico na música mundial, coa súa proposta de jazz e afropop.

Richard Bona colaborou con figuras lendarias de case todos os estilos musicais: Herbie Hancock, Harry Belafonte, Steps Ahead, Quincy Jones, Buena Vista Social Club, Cesária Évora, Sting, Stevie Wonder, Bobby McFerrin, Chucho Valdés, George Benson, Oumou Sangaré e moitos máis. Ademais, ensinou Improvisación de Jazz na Universidade de Nova York e constantemente ensina e asesora a novos talentos en todo o mundo.

Actualmente traballa en novos proxectos de Afrobeats, Afropop, Latino e Flamenco en toda Europa, Estados Unidos e América Latina.

FORMACIÓN:
Richard Bona: Voz e baixo
Alfredo Rodríguez: Piano
Michael Olivera: Batería