FORMACIÓN:
Raphael Wressnig - Órgano Hammond B-3, voz
Enrico Crivellaro - Guitarras
Eric Cisbani - Batería
Gisele Jackson - Voz principal
Raphael Wressnig é un excepcional instrumentista, compositor e produtor que domina como ninguén os segredos do órgano Hammond B-3.
O seu persoalísimo estilo xorde dunha moi particular visión de como debería fusionarse o clásico e o moderno, combinando o soul máis auténtico —ao estilo de Nova Orleáns— co blues profundo e co rythm&blues, aderezado todo iso cun toque de funk contemporáneo para ofrecer un son único, dinámico e vibrante.
O seu absoluto dominio de todos estes estilos valeulle o recoñecemento da crítica internacional e múltiples candidaturas a distintos galardóns durante os últimos anos nos premios da crítica de DownBeat, como aspirante a Mellor Organista do Ano.
Wressnig publicou ata a data máis de 20 álbums —algúns deles en directo— entre os que destacan Soul Gumbo ou Chicken Burrito.
Soul Gumbo foi gravado en Nova Orleáns e conta coa participación de aclamadas figuras como o gañador dun premio Grammy Jon Cleary, George Porter Jr., o batería Stanton Moore e a lenda do R&B Walter “Wolfman” Washington (quen participou por certo no noso festival).
Chicken Burrito é unha obra mestra do Groove coa participación de Alex Schultz na guitarra e do lendario batería de funk James Gadson.
Xunto ao seu grupo, Soul Gift, Raphael Wressnig exhibe o potencial do soul, o blues e o funk na escena musical contemporánea. Cru e contundente, o grupo conta nesta ocasión coa participación estelar da vocalista Gisele Jackson, que comezou a súa carreira formando parte do coro de Ray Charles para colaborar posteriormente de forma habitual nas xiras de figuras míticas como Donna Summer ou James Brown. Tamén foi incluída frecuentemente no elenco dalgúns dos máis famosos musicais de Broadway.
Ambos, a diva internacional e o aclamado organista, nunha simbiose marabillosa, ofrecen ao público unha nova e vibrante forma de experimentar os xéneros clásicos do blues, o soul e o rythm&blues, que non deixa indiferente a ninguén.