FORMACIÓN:
VIRXILIO DA SILVA – Guitarra
ROSOLINO MARINELLO – Saxo Tenor
ÁLEX SALGUEIRO – Mellotron, frauta e órgano Hammond
XAN CAMPOS – Rhodes, Poly D
FÉLIX BARTH – Baixo eléctrico
IAGO FERNÁNDEZ – Batería
Juzz é a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva, un nome máis relacionado nun principio coa escena jazzística, aínda que non só se pode cinxir a ese xénero musical.
Virxilio, ademais de ter colaborado en numerosas gravacións e directos como sideman ao longo dos últimos vinte anos, colidera tamén bandas como Foxy Freire, Loiros, Fuzzo, The Manueles ou Steel Sheep, que reflicten a variedade estilística na que este músico se sente especialmente cómodo.
As orixes deste proxecto persoal remóntanse aos seus estudos de mestrado en Holanda.
Como parte do traballo de final de estudos, Virxilio presentou en 2015 algunhas das composicións que posteriormente gravaría no primeiro LP homónimo do grupo, traballo que vería a luz na primavera de 2018. Nel presentaba os seus traballos máis recentes, froito dos últimos anos de procura e experimentación, unha música cuxas influencias van desde o rock máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta até o jazz, pasando polo pop avant-garde máis experimental, o noise ou o stoner. A música de Juzz ten como máxima a procura da liberdade alén da súa clasificación nun xénero determinado, e aspira, por enriba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva.
En abril de 2024, o selo lucense de rock progresivo áMarxe publica unha reedición en formato CD do seu primeiro disco, que inclúe material inédito da sesión de gravación orixinal.
O lanzamento recibe moi boa acollida entre o público especializado, colleitando excelentes críticas dentro e fóra do país.
Conforman este proxecto o propio Virxilio da Silva (guitarra e composición), Rosolino Marinello (saxo tenor), Álex Salgueiro (órganos e sintetizadores), Xan Campos (Rhodes e sintetizadores), Felix Barth (baixo eléctrico) e Iago Fernández (batería). Todos eles son músicos consagrados na escena musical galega, estatal e internacional .
No verán de 2023 entran de novo no estudio para rexistrar o seu segundo traballo, novamente homónimo e que funciona como unha segunda parte do de 2018, ao mesmo tempo que abre as portas á exploración de novos territorios sonoros e estilísticos. O disco preséntase oficialmente en novembro de 2025 e a banda ten preparadas xa novas aparicións en 2026 en diferentes salas, ciclos e festivais.