Durante case dúas décadas, este cantante e trompetista de primeiro nivel nado en Bochum (Alemaña) emocionou ao público cunha música moi persoal, combinando jazz con soul e blues. A calidade das súas actuacións levouno a visitar case todos os festivais importantes, pero tamén pequenos clubs de jazz… nos que non deixou a ninguén indiferente.
Jeff Cascaro popularizou como ninguén o soul-jazz, primeiro en Alemaña, o seu país de orixe, e logo no resto de Europa, aínda que, nos últimos tempos, decidiu profundar no jazz clásico, coa mesma paixón, pero sendo igualmente fiel ás raíces do blues, o cal se evidencia no seu primorosa selección de composicións ofrecidas en directo.
Nos seus concertos, que ofrece baixo a denominación "Love and Blues in the City", alterna pezas de jazz clásico e melodías de rythm&blues, combinando cunha habilidade moi natural o jazz, o swing e o blues. Esta oferta tan diversa preséntaa nun formato de cuarteto reservando un espazo para o dinamismo, e ao mesmo tempo para a delicadeza vocal. O resultado é unha música moi emotiva e con moito groove, na que se mesturan as mellores partes vocais con improvisacións, pero no centro da acción está sempre a súa cálida voz, que bebe indubidablemente da máis pura tradición dos grandes cantantes de jazz.
Jeff Cascaro desenvolveu unha estética sonora impresionante a través dos seus álbums de estudio que representan documentos sonoros atemporais do soul e o jazz: Soul of a Singer (2006), Mother and Brother (2008), The Other Man (2012), e Love and Blues in the City (2017), son os títulos dos seus aclamados lanzamentos ao mercado.
FORMACIÓN
Jeff Cascaro: voz
Stefan Rey: contrabaixo
Jerry Lu: piano
Hans Dekker: batería