Naceu en 1975 en Dinamarca e comezou a tocar o baixo aos dezaseis anos. Entre 1993 e 1998 estudou na prestixiosa Royal Danish Academy of Music, especializándose en baixo eléctrico, pero formándose para chegar a converterse nunha futura multiinstrumentista.
Desde sempre foi unha namorada do funk, o hip hop e o jazz, o que a levou a colaborar activamente con bandas como os belgas Zap Mama ou os daneses Michael Learns to Rock, pero sen dúbida, a súa introdución ao mundo da música mainstream e aos grandes escenarios e circuítos produciuse da man de Prince, quen a recrutou en 2010 para formar parte de The New Power Generation, a banda que o acompañaba sempre nos seus concertos e gravacións.
A oportunidade que se lle presentou era á vez complexa e esixente porque, como é sabido, nos espectáculos do Xenio de Minneapolis había compoñentes de performance, de danza,de interpretación e de coros a cargo dos integrantes da banda.
A partir de 2012, unha parte dos compoñentes de The New Power Generation, entre eles Ida Nielsen, optaron por levar adiante un proxecto persoal, formando un cuarteto de funk rock con son contundente e estética agresiva, que en certos momentos lembraban a bandas como Red Hot Chilli Peppers ou Living Colour.
Pero entre este vórtice de colaboracións, xiras e gravacións, Nielsen tamén tivo tempo para labrarse unha máis que interesante carreira en solitario, lanzando varios singles e catro álbums editados ata a data: Marmelade (2007), no que aparecía co nome artístico de Bassída (tamén foi coñecida como Bass Ida ou Ida Funkhouser); Sometimes a girl needs some sugar too (2011), Turnitup (2016), que dedicou á memoria do seu descubridor ante o gran público, Prince, tristemente falecido ese mesmo ano, e Time 2 stop worrying (bout the weird stuff) (2019).
O estilo que mostra nos seus traballos oscila entre o rhythm and blues moderno, o neosoul, o funk e o hip hop. Ademais de intérprete, é unha espléndida compositora e vocalista. O funk e o slap predominan nunha linguaxe musical moi propia e recoñecible, aínda que tamén se perciben moitos outros toques, en especial de jazz e rock, converténdoa nunha das máis importantes artistas femininas da escena musical europea actual.
Formación
Ida Nielsen; baixo e voz
Kuku Agami; rap
Oliver Engqvist; voz de guitarra
Jacob Elvstrøm; saxofón e voz
Patrick Dorcean; batería e electrónica