Edición 2006

En 2006, produciuse outro momento clave na nosa historia: o traslado á Praza da Ferrería. Nunha edición moi especial, puidemos contrastar a dous dos maiores talentos do piano no jazz actual: JASON MORAN, o 21 de xullo, e BRAD MEHLDAU, o sábado 22. Ata a campá da Peregrina chegou a participar nos concertos: por dúas noites consecutivas, deixouse oír nitidamente ás once en punto para que os pianistas celebrando a pertinencia das badaladas, as integraran perfectamente nas súas interpretacións.

En canto ao blues, en 2006 estiveron TERRY EVANS e SOLOMON BURKE. Cando minutos antes de empezar a súa actuación do 23 de xullo, Terry Evans preguntou á organización se tiña límite máximo de hora para rematar o concerto, decatámonos de que aquela ía ser unha noite moi especial... E Evans foi extraordinariamente xeneroso: máis de dúas horas interpretando un repertorio de blues no que mesturou os seus temas con clásicos do xénero.

E a noite do 24 de xullo, noutro deses momentos inesquecibles da nosa historia, visitounos o “rei do rock & soul”: SOLOMON BURKE. Tocado coa súa capa de armiño, e dende o seu trono, o carismático e veterano cantante fixo un fantástico “show”, no que repartiu rosas entre o público, repasou os clásicos, incluído o seu famoso “Everybody needs somebody to love”, e ata levou a uns cantos afeccionados ao escenario, onde bailaron e incluso cantaron.

Concertos
JASON MORAN AND THE BANDWAGON
BRAD MEHLDAU TRÍO
TERRY EVANS & BAND
SOLOMON BURKE & THE SOULS ALIVE BAND

BIG BAND MUNICIPIO DE NAZARÉ
NEW JAZZ FREQUENCY
DORIS CALES + SPJ
GROUP

Jam-Sessions
Martín Brea Quartet, Telmo Fernández Trío, Evol Emerpus Quartet

Workshop
Javier Vercher, Aruan Ortiz, Brannen Temple e Doris Cales

Pasarúas
Brass Band